Monday 06 de May de 2024

A primeira fase do trampeo primaveral de avespa velutina en Brión sáldase coa captura de 302 raíñas e 228 obreiras


O Concello de Brión anima á veciñanza a revisar tellados, hórreos e galpóns na busca de niños primarios
O Concello de Brión vén de rematar a primeira fase da campaña de trampeo profesional contra a avespa velutina, que está a levar a cabo un ano máis a empresa SERPA Servizos Privados Anti Velutina. Unha primeira fase do trampeo primaveral que se salda coa captura de 302 raíñas e 228 obreiras, unha cifra superior ás 223 raíñas capturadas nesta fase o ano pasado e que se traducen en 302 niños menos para esta tempada.
Aínda que as trampas están instaladas por todo o municipio, nesta primeira fase centráronse especialmente nas zonas máis habitadas do municipio, así como as contornas dos centros educativos e edificios municipais para minimizar o risco para as persoas. Por iso, dende o Concello de Brión animan á veciñanza a sumarse ao trampeo e a revisar tellados, hórreos e galpóns para localizar niños primarios e poder avisar ao 012 ou ao Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión (981 88 75 23) para a súa retirada.
“Loitar contra esta especie invasora non é unha tarefa doada, pero é totalmente necesario. Entre todas e todos podemos, mediante accións simples, axudar a frear este crecente problema. O trampeo é capaz de reducir o número de niños da zona ata nun 40%, sempre que se utilice unha técnica do trampeo axeitada”, explica o alcalde, José Luís García. De feito, o Concello de Brión dispón dun manual para a elaboración de trampas na súa páxina web ( www.concellodebrion.gal ).
Trampeo
Para a elaboración das trampas utilízanse botellas de plástico con, cando menos, 4 buratos contrapostos de 9 milímetros de diámetro, que será por onde entren as avespas. Dende SERPA confirman que a mestura estándar está composta dun litro de zume de arándanos con azucre (non con edulcorantes) e 1 lata de cervexa negra. Unha mestura que dá para 5 trampas e que compre renovar cada 15 días.
Os mellores lugares para colocar as trampas son salgueiros, camelias, árbores froiteiras, cerdeiras en flor, maceiras e loureiro real, así como nas proximidades de regatos e ríos. As trampas colocaranse a unha altura entre 1,5 metros e 3 metros, recomendándose emprazalas no lado sur da árbore.
Durante 2019, a campaña de trampeo profesional realizada por SERPA saldouse con 2.039 velutinas capturadas, das que 840 eran raíñas. A empresa instalou en total 107 trampas no municipio durante os catro meses que durou a iniciativa.